viernes, 8 de enero de 2016

Dous mil quince, que che den.

Chove por dentro e por fora, máis por dentro chove caladiño, limpando as pálpebras. Cicatriza o ano pasado a ritmo lento, pero constante. Cicatrizan máis anos que un, e eu respiro con algo menos de carga. Ainda doen as redes sociais, sobrecargadas de estímulos e recordos de moitos anos. Ábrese de novo o tempo das lecturas, e aventuras. Ábrese unha semente pequena ainda que non haxa sol. Péchanse as feridas en carne aberta, e eu soño con ter sono, e durmir a noite enteira sen pastillas.

Soan músicas de lugares quentes, e eu quero bailar a noite toda. Mesmo que chova, eu quero bailar a noite toda para sacudir este mal ano, esta mala sombra, esta cantidade insoportable de despropósitos. Un cesto de tristuras, decepcións e froita fermentada, unha compostaxe da que ten que sair, por forza, unha selva exhuberante de leccións de vida e amizade. Aulas repletas de textos cos que pensar e pensarse de outro xeito, sen medo e sen ficcións desacougantes, sen esperar que ninguén responda abertamente a mundos novos que semellan realidade apenas en recantos agochados de persoas invisibles. Persoas ás que quero coñecer con toda a calma. Eu escoito música e descanso dun mal ano. O resto é tempo.

(non me recoñecía triste, non me recoñecía ninguén, pero a tristeza existe e doe moito)


sábado, 2 de enero de 2016

Conxuro dunha queimada

Farta de ter unha espiral no medio do cerebro,
Farta de esperar, e de desesperarme
Farta de voltar e voltar aonde menos é que eu gosto
Farta de aqueles de vos que non entendedes nada

esta noite conxuro o "eu me enfronto"
fágomo mirar por min mesma adentro moi adentro
coa cita da médica para moreas de pastillas ben abertas
a miña forma de entendelas, coma sempre
pastillas como sustitutas puntuais de apertas
pastillas para cando a noite sexa máis forte que eu
pastillas para cando quieras voltar e eu non permita
pastillas para olvidar tanto como te quixen agora que non te recoñezo

tamén me enfronto
con alivio de que a venganza non esté no meu repertorio
as persoas que me fixeron dano porque non souperon facer outra cousa
e quíxéronse volver odiosas
para non recoñecer cánto amor necesitaban

Enfróntome ás miñas necesidades de afecto non para negalas,
nen para facerme a forte ou finxir autosuficiencia
senón para elevar ben a cabeza por te-las, con orgullo

Enfronto a miña soidade con máis medos que certezas
e a miña tristura con cariños de gatos e persoas amigas
presentes e futuras
vou seguir facendo amigas o resto da miña vida
vou abrazalas e coidalas e decirlles que me poden chamar a cualquer hora
vou enfrontar a angustia tola de no creerme merecedora de amor
e ainda vou agradecer, a quen intentou que me angustiase, esta oportunidade de metela no conxuro

Enfronto os peores pensamentos coa razón do amor que os paraliza
enfronto a miña desaparición fantaseada coa compañía alegre de quen voltou do susto
e coa lembranza seria e consecuente das que non puideron voltar,
Enfronto danos a min mesma e subidas de tensión con momentos de erotismo inesperado,
con esa porta que abre sempre caixas de sorpresas

Enfronto a miña ansiedade e impaciencia ante os vínculos que empezan
con toda a alegría retranqueira da que ainda son capaz
Enfronto a falta de alegría con música e conxuros como este, de ahora en diante
Enfronto que non son poeta, senón meiga, cunha respiración ben diferente.